Friday 17 de May de 2024

CETMAR contribúe ao desenvolvemento da Plataforma de Información Compartida de Investigación Mariña e Marítima da Unión Europea a través do proxecto COLUMBUS


O Centro Tecnolóxico do Mar avanza na súa contribución a esta iniciativa emblemática posta en marcha pola Comisión Europea dentro do programa Horizonte 2020 no ámbito da transferencia de coñecemento

A Fundación CETMAR está a participar no proxecto COLUMBUS que, en colaboración cos coordinadores dos 31 proxectos financiados a través da convocatoria do Sétimo Programa Marco de “Océanos do Mañá”, extraeu máis de 500 resultados, dos cales 456 se consideraron potencialmente explotables e xa se engadiron na ‘Plataforma de Información Compartida de Investigación Mariña e Marítima’ (http://cordis.europa.eu/packs/marine-information-platform_en.html) lanzada recentemente pola Comisión Europea.
Esta compilación de coñecemento xerado a través de proxectos de investigación facilitará a adopción de novas ideas, resultados de investigación, datos, produtos e servizos por parte da industria, os xestores políticos e outras categorías de usuarios interesados. Esta plataforma é un exemplo de como compartir resultados de proxectos financiados pola Unión Europea dunha forma rápida, que reforza o concepto de Ciencia Aberta e a conexión entre Ciencia Aberta e Innovación Aberta.

A Comisión Europea lanzou en maio de 2015 o concepto de Plataforma de Información Compartida de Investigación Mariña e Marítima, como apoio á estratexia iniciada a partir da Comunicación “Innovación na Economía Azul: aproveitar o potencial de crecemento e de creación de emprego que encerran os nosos mares e océanos”.

Esta iniciativa, que se atopa actualmente en fase piloto, constitúe unha ferramenta para compartir os principais datos e resultados de investigación de proxectos de ámbito mariño e marítimo financiados pola Unión Europea. En setembro do mesmo ano o Parlamento Europeo adoptou a resolución “Explotar o potencial da investigación e a innovación na economía azul para crear emprego e crecemento”.

O proxecto COLUMBUS ten como obxectivo utilizar unha metodoloxía innovadora de transferencia de coñecemento para apoiar e ofrecer solucións que contribúan ao Crecemento Azul e á aplicación da Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña, entre outras normativas de especial transcendencia no contexto da Política Marítima Integrada da Unión Europea.

De entre todos os resultados compilados para alimentar a plataforma piloto da Comisión Europea e, adicionalmente, o repositorio EurOcean Marine Knowledge Gate, COLUMBUS analizará aqueles con maior impacto potencial e facilitará a súa transferencia aos usuarios finais.